Thursday 02 de May de 2024

As homenaxes a Xela Arias en San Sadurniño, pendentes do tempo


As homenaxes a Xela Arias en San Sadurniño, pendentes do tempo

As Letras Galegas deste ano miran á figura e a obra de Xela Arias Castaño (Sarria 1963-Vigo 2003), mestra, tradutora e poeta. Creadora que se declaraba “inconforme co mundo, contraditoria e filla das miñas contradicións” e para quen a poesía era “táboa de salvación no naufraxio das razóns escritas”, ao tempo que a chea de semblanzas publicadas a raíz da homenaxe a describen como persoa consciente da responsabilidade implícita na súa voz para co idioma, o país e a muller. No ronsel de escritoras e escritores aos que se lle adicaron as Letras Galegas -afamados case todos e todas-, o tributo deste ano a Xela Arias reafirma un cambio de ciclo iniciado hai unha década con Lois Pereiro, un tránsito lóxico e imparable do branco e negro á cor, unha mudanza de escenario que nos mete de cabeza en obras e persoeiros máis próximos no tempo e nos discursos e que, porén, son aínda grandes descoñecidos para a maioría. Promover o seu descubrimento, difundir a súa escrita e reivindicar a súa mensaxe e maila lingua é o que pretende precisamente a data do 17 de Maio, cuxa celebración se repartirá en San Sadurniño entre a presentación do libro “Xela Arias. Palabra á intemperie” -patio do Concello, sábado ás 18.00h.- e as actividades ao aire libre programadas por Cultura para a mañá do domingo nos Xardíns Municipais… sempre que non chova, claro.

E é que as áreas de Cultura e de Normalización Lingüística están pendentes das previsións meteorolóxicas de cara á fin de semana. A data de hoxe ningún servizo de predición é capaz de adiantar con seguridade que vai pasar o sábado e o domingo e por iso haberá que agardar polo menos até o venres para saber se a programación segue adiante ou se hai que suspendela, posto que ambas citas son ao aire libre.

A do sábado á tarde -18.00h.- é a presentación do libro “Xela Arias. Palabra á intemperie” á que asistirán as súas autoras, Emma Pedreira e Laura Romero. Publicada en Baía Edicións, a obra achégase á figura da poeta e tradutora xuntando a escrita de Pedreira cos debuxos e collages de Romero. E a todo engádenselle testemuños e fragmentos dos poemas de Arias, de maneira que o libro se converte nun diálogo a tres bandas. Nunha recente entrevista na TVG, Emma Pedreira explicaba así o seu obxectivo: “Non quero facer unha biografía ao uso. Quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, debullando o íntimo dos seus versos nos meus”.

O domingo, véspera do festivo, a actividade trasládase desde as 10.00h. aos Xardíns Municipais, onde o Concello organizará un amplo itinerario cultural relacionado coa autora e coas Letras Galegas.

Deberase entrar polo enreixado da Casa do Concello e logo baixar aos xardíns polo lado dereito do pazo. O primeiro que se atopará será un photocall e logo, seguindo os sendeiros, haberá 58 citas correspondentes ás 58 homenaxes que desde 1963 se veñen organizando con motivo do 17 de maio.

Ao longo dese trazado intercalaranse as voces e músicas das escolas municipais e, ademais, ás 13.00h. a pista multixogos acollerá un pequeno concerto de Sanjurjo, Dopico e Cardalda. No tramo final disporase o Recuncho de Xela Arias. O recuncho é un espazo creativo onde se poderán depositar citas en galego, o título do libro máis desexado, ese poema que se aprendeu hai anos e aínda se recorda, aquela palabra galega que máis gusta… Do que se trata é de escribirlle a Xela o que se queira. Chega con traer a idea da casa, posto que o material necesario para expresala corre por conta da Concellaría de Cultura.

Cada contribución que se faga ao recuncho entrará en cinco sorteos -xogos de Trivial, axendas da autora homenaxeada e dúas láminas do artista local Carlos García- que se celebrarán ao remate da xornada, pouco antes das 14.00h.

Para saber máis sobre Xela Arias Castaño
Nas últimas semanas e meses publicáronse ducias de aproximacións á figura dunha escritora que, coma calquera creadora ou creador, é resultado da súa vida e das súas circunstancias e no caso de Xela hai tres fitos que explicarían unha poeta “sen xeración” que foi unha illa, por forma, contido e estilo, na poesía galega dos anos 80 e 90.

O primeiro deses fitos é o ambiente familiar e educativo no que se criou, facilitador e alentador dun espírito crítico -especialmente por parte do seu pai, Valentín, que era mestre- e, como dí o seu irmán máis novo, “dun concepto de Galicia” que ía máis aló do compromiso irrenunciable coa lingua.

O segundo fito é o seu traslado a Lugo, onde viviu a maior parte da súa nenez e adolescencia e onde se configurou unha personalidade inqueda e rebelde na procura dun camiño propio e independente, tamén xa daquela no literario, que tomaría pouco despois de rematar o COU empezando a traballar en Xerais.

Alí, no Vigo dos 80, auténtico polo da revolución cultural galega, e no contexto laboral dunha editorial puxante, Xela Arias empezaría facendo traballos administrativos que non tardarían en quedar a un lado para darlle forma á súa vertente literaria en dous sentidos: dunha banda como correctora de estilo, tradutora e mesmo “fixadora da lingua” antes da chegada da normativización do Galego e, por outra, como muller que estaba no momento e no lugar axeitados para darlle visibilidade á súa propia obra, iniciada con tan só 10 anos coa prosa inédita “A pobreza e a negrura da aldea”, reproducida despois na “Poesía reunida (1982-2004)” publicada por Xerais en 2018.

Foi a poesía o xénero no que máis se expresou, quizais por ser o único capaz de describir sentimentos. En Edicións Xerais de Galicia publicou no 1986 “Denuncia do equilibrio”, catro anos despois “Tigres coma cabalos” e, xa en 1996, a que é quizais a súa obra máis íntima, “Darío a diario”, nacida canda ao seu fillo e crónica sobre a vivencia propia do embarazo e a maternidade. A morte veulle de repente o primeiro de novembro de 2003 a causa dun ataque ao corazón. Acababa de publicar en Espiral Maior “Intempériome”.

Para saber máis da vida, obra e universo creativo de Xela Arias é moi recomendable acudir ás publicacións da Real Academia Galega co gallo deste 17 de maio e, sobre todo, ver a serie documental dispoñible en youtube “Xela Arias. A Palabra esgazada”, guionizada por María Yáñez e producida pola Real Academia. Outras referencias obrigadas son as seguintes (fonte RAG):

Xela Arias na web da AELG
Xela Arias no Álbum de mulleres
Xela Arias e Luísa Villalta. Letras, interartes, proxectos na fin de século
Xornada organizada polo Consello da Cultura Galega
Xela Arias. IV Día das Galegas na Letras
Organizado por A Sega. Plataforma de crítica literaria
Xela Arias recita no IES A Guía de Vigo (1988) con Román Raña, Ramiro Fonte e Xavier R. Baixeras
As Letras Galegas de Xela Arias no blog de Xerais
Páxina web da exposición Aquela nena de Sarria
Páxina web do Seminario Galán dedicada a Xela Arias
Traducións de Xela Arias na Rede

Relatos de Gloria Pampillo (2003, BIVIR)
O Spleen de París (pequenos poemas en prosa) de Charles Baudelaire (2003, BIVIR)